Presentamos a algunhas das persoas que cultivan os produtos do proxecto de Ecocomedores

Gonzalo Rodríguez-Tenreiro é un dos produtores adheridos ao proxecto. A súa explotación “A horta de San André” está en Sequeiro,, no concello de Valdoviño. En 2020 botaba a andar o seu proxecto empresarial nunha parcela de 7.000 metros cadrados, dos que 3.000 están ocupados por invernadoiros. Iniciouse cultivando leituga de variedades como a riza, de folla de roble ou alisa; tomate, repolo ou xudía -que pranta en exterior-. O groso da súa produción véndese en Coruña e Ferrol, e o seu obxectivo é lograr que o 100% dos seus cultivos queden na zona, priorizando o consumo en circuítos curtos. A súa entrada na rede Ecocomedores profundiza nesa meta, un proxecto que coincide en principios coa súa filosofía de traballo, e que lle gustaría se estendese a todos e cada un dos centros educativos con cociña propia da zona, avanzando deste xeito nunha alimentación consciente.

Leticia Iglesias, da Horta da Avoa María, recolleita con mimo o mezclum que estes días acompañará as últimas ensaladas do ano nos coles da Rede #Ecocomedores  en Ferrolterra, Eume e Ortegal . É unha das produtoras da Asociación Agroalimentaria do Eume  que fornecen este curso as despensas dos centros para ofrecer, co asesoramento do equipo técnico de Nutricoles, os pratos saudables cos que favorecer unha dieta sá e equilibrada. Traballa media hectárea de finca na ribeira de Santa María de Neda, e conta con 2 invernadoiros que suman preto de 300 m2. Cultiva un amplo surtido de especies vexetais que tamén comercializa para clientes finais e algún que outro local de hostalería. Tan sinxelo como achegarse á horta, botar un , seleccionar e mercar. Produtos km0 que favorecen un consumo consciente e contribúen a reducir a nosa pegada ecolóxica.

Inacio Bellas, da Granxa de Gudin, que toma o seu nome do lugar no que se empraza, en San Sadurniño.  Herdeiro da tradición da súa avoa Piedad, hai 8 anos recuperaba o uso agrario da terra familiar e comezaba co seu viveiro de árbores e coa plantación de maceiras autóctonas . De aí, ampliou horizontes coa horta e os invernadoiros, e hai uns anos, diversificaba actividade coa cría de ovella de raza galega. Hoxe en día, conta cun viveiro duns 3.000 metros cadrados e máis de 400 árbores. A súa especialidade é, sen dúbida, a mazá, e traballa tantas variedades como poidamos imaxinar, pero todas autóctonas. A da sega, a príncipe, pradanova, tres en cunca, as de San Xoán… A reineta de gardar, a última do ano, está a converterse nunha das sobremesas estrela dos coles da Rede Ecocomedores, do que participa a través da Asociación Agroalimentaria Do Eume . Unha mazá que entra polo ollo para ofrecer un sabor que enche a boca 🤤. E nun mes, sumará á súa oferta frutal kiwis e mandarinas. Froitas 100% locais para uns menús 100% saudables.

Ana Isabel Fernández Caaveiro, da Horta de Lamas, no concello de San Sadurniño, ten unha explotación diversificada na que cultivan unha ampla variedade de vexetais que comercializa principalmente a comercios de proximidade e negocios de hostalería. Desde o mes de novembro incorporouse á rede de produtoras da Agroalimentaria adheridas ao proxecto de Ecocomedores. Unha das súas ilusións sería poder comercializar  toda a súa produción en mercados de proximidade, e transformar en deliciosas conservas o seu excedente, para que nos comedores podan ter o resultado dos seus cultivos de verán durante todo o ano.

Estes son unha pequena representación das persoas que están detrás dos produtos que semanalmente se sirven nos centros educativos adheridos a este programa. En vindeiras entradas continuaremos a presentar ás labregas e labregos que traballan para alimentar ás crianzas do noso territorio cos mellores produtos vexetais.