AS ESCOLAS INFANTÍS DE FERROL DEPENDENTES DA AXENCIA GALEGA DE SERVIZOS SOCIAIS SÚMANSE Á REDE ECOCOMEDORES
As escolas infantís de Ferrol dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais súmanse á Rede EcoComedores. Esta mañá o presidente de Seitura 22 e alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre, rubricaban o acordo de colaboración.
Na práctica, supón a entrada na rede da Escola Infantil Catabois e da Escola Infantil Virxe de Chamorro, converténdose nas primeiras escolas infantís da comarca de Ferrol en integrarse no proxecto. As dúas, con cociña propia, asumen así o compromiso de incorporar aos seus menús diarios produtos de proximidade, de temporada e, na medida do posible, ecolóxicos, que servirá a nosa asociación.
Neste camiño contrán co apoio do equipo de nutricionistas da Rede EcoComedores, que acompañarán aos centros no proceso, avaliando os seus menús e formulando propostas de mellora. O obxectivo é acadar unha dieta saudable dende a infancia na procura da adopción duns hábitos que perduren na etapa adulta e eviten problemas futuros de saúde vinculados a unha incorrecta alimentación. Ademais, as escolas estarán apostando polo consumo en circuítos curtos, e apoiando así a actividade económica dos produtores locais, e contribuíndo á mitigación do cambio climático reducindo a pegada ecolóxica da alimentación.
Sobre o terreo, o primeiro paso arrancará coa elaboración das fichas técnicas dos menús por parte das nutricionistas, e de acordo co persoal dos centros, diminuirase a porcentaxe de proteína animal nos pratos e aumentarase progresivamente a de verduras e hortalizas. Así mesmo, iniciarase a compra de produto ás explotacións adheridas ao proxecto a través da Asociación Agroalimentaria do Eume e asumiranse as receitas que o equipo de nutricionistas formulen de forma consensuada cos centros.
No ámbito territorial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, a Rede EcoComedores conta a día de hoxe coa participación do CEIP Eladia Mariño (Cabanas), CEIP Francisco López Estrada (Mañón) e CEIP José María Lage (Ortigueira). Unha relación que agora suma ás Escolas Infantís Catabois e Virxe de Chamorro, e continúa aberta a novas adhesións de centros educativos e comedores colectivos.