Fondos

Usos e Costumes II
Usos e Costumes II
Figuras fiscais como os arbitrios ou os consumos, que gravaban os produtos básicos que entraban nas vilas nuns lugares chamados fielatos, eran moi coñecidas polos habitantes do territorio do primeiro terzo do século XX, que agudizaban o seu enxeño para evitar pagalos. Era unha época na que os produtos alimenticios que non se producían na casa eran escasos, por iso se consumían grandes cantidades de pan, normalmente de maínzo, xa que o trigo tamén era escaso, debido a que as eiras tíñanse maioritariamente a maínzo en base a unha maior produtividade fronte ao trigo. Tamén se consumían castañas de múltiples maneiras, garulas, zonchos, asadas, cocidas... Un costume moi habitual era o do soutelo, é dicir, ir apañar ás castañas en souto alleo. Tamén se facían arrasadeiras con outras froitas como mazás, peras, uvas ou cereixas. Estas actividades eran, ademais, actos sociais nos que os mozos e mozas se xuntaban para pasalo ben.
Usos e Costumes I
Usos e Costumes I
Publicado o 10/02/2009


A sociedade na que viviron os nosos vellos e vellas e os seus pais e avós foi moi distinta da que vemos hoxe. O traballo comunal ou a economía de subsistencia, é dicir, traballar duramente só para sobrevivir son cousas que hoxe non se entenden. A casa era a verdadeira unidade de produción, e nela practicamente se producía o necesario para sobrevivir. Por isto a terra era a verdadeira riqueza, xa que a súa posesión garantía a mellor ou peor situación da familia. Os animais eran auténticas ferramentas de traballo e cando non se tiñan, mesmo se alugaban, como podían ser as vacas postas. Emigrábase a facer traballos temporais, como a sega a Castela, e como todo sustento diario as persoas tiñan unha dieta que consistía sobre todo en caldo, leite, castañas, patacas, pan e moi pouca carne. A alimentación dos homes e mulleres non era moi diferente da das vacas.

Euroeume
Universidade Rural Paulo Freire