Co ánimo de impulsar un desenvolvemento ordenado, planificado e sustentable do turismo, a Asociación Euroeume, no marco do Programa PRODER, promoveu a redacción do Plan de Desenvolvemento Turístico (PDT). Este Plan levouse a cabo coa asistencia técnica da empresa COMETA e coa colaboración desinteresada de numerosas persoas e entidades locais. O PDT é un instrumento que hai que ir completando e modificando con novas iniciativas e propostas protagonizadas pola poboación e entidades locais.
O PDT é un plan para o conxunto do territorio, xa que é impensable que cada un dos concellos ailladamente poda competir no mercado turístico. A suma de recursos, xunto cunha axeitada coordinación e planificación das intervencións, permitirán que os visitantes circulen por todo o territorio, que o entendan, gocen del e deixen rendas para a poboación local.
SITUACIÓN DO SECTOR: DIAGNOSE
No
inventario de recursos turísticos realizado no territorio localizáronse:
Recursos Vencellados co Patrimonio Natural: Destacan o Parque Natural das Fragas do Eume, e os espazos da Rede Natura 2000 “Xuvia– Castro” e “Ortigueira-Mera”.
Recursos Culturais - Patrimonio. Tanto de arquitectura relixiosa (Mosteiros, ermidas e igrexas) como de arquitectura civil (casco histórico de Pontedeume, torreóns, pontes, castelos e algúns pazos). Ademais existen abundantes xacementos megalíticos.
Recursos Etnográficos. Inclúense tres tipos de elementos:
1.- Elementos relacionados coa antropoloxía e a cultura popular: lendas asociadas a lugares, obxetos e elementos da paisaxe como as tradicións curativas en torno ós marcos ou pedras fincadas.
2.- Artesanía e artes. Ainda perviven algúns oficios tradicionais como canteiros, cesteiros, zoqueiros, torneiros, ferreiros e carpinteiros.
3.- Arquitectura popular: conxuntos formados por casas e as súas dependencias.
Patrimonio Tecnolóxico e Industrial. Existe unha variada representación de elementos que poden ser recursos turísticos vinculados ó eixo temático de aproveitamento da enexía (centrais hidroeléctricas, mina, central Endesa, …)
Acontecementos Programados. Neste apartado inclúense festivais de música folk como o Irmandinho en Moeche, o do río Castro en San Sadurniño ou a Festa da Fraga nas Pontes; acontecementos deportivos como o Descenso do río Eume; festas gastronómicas (requeixo, grelo, setas, chanfaina, peras, etc.) e outros asociados a actividades tradicionais como a rapa das bestas do Monte Forgoselo.