galego*castellano*english*english
localización produto do eume Diputación Coruña Leader Plus Euroeume
novas
EuroEume encargarase da xestión de visitantes do Museo Etnográfico O Pazo da Capela
EuroEume encargarase da xestión de visitantes do Museo Etnográfico O Pazo da Capela
30/03/2010
A Asociación EuroEume vén de asinar un convenio de colaboración co Patronato do Museo Etnográfico.O Museo Etnográfico da Capela súmase así ao Espazo Temático Patrimonial Castelos e Mosteiros do Eume-Xuvia
A Asociación EuroEume xestionará as visitas do Museo Etnográfico “O Pazo” (A Capela) en virtude do convenio de colaboración asinado hoxe polo presidente da entidade de desenvolvemento rural, Xosé Castro Romero, e o presidente do Patronato do Museo Etnográfico, Xan Puentes Calvo.

A sinatura deste acordo de cesión ten validez dun ano prorrogable e permitirá incorporar o museo capelán á rede museística denominada Espazo Temático Patrimonial Castelos e Mosteiros do Eume-Xuvia, o “que implica a elaboración de materiais didácticos e promocionais, así como a súa inclusión en paquetes turísticos”.


Con este acordo EuroEume comprométese tamén a “promocionar axeitadamente o Museo e as actividades culturais desenvoltas polo Patronato” e a “facilitar unha información fidedigna sobre o concello da Capela e a súa comarca”. Así mesmo, “procurará facilitar ao visitante material informativo sobre os recursos turísticos e valorará a súa xestión por medio dunhas enquisas que entregará aos visitantes”.

A Asociación EuroEume asegurará o persoal necesario, debidamente uniformado, formado na historia e recursos da colección do Museo, A Capela e comarca.

As visitas ao Museo Etnográfico coordinaranse con visitas a outros puntos de interese do Concello da Capela e da comarca.

EuroEume encárgase tamén da xestión das visitas do castelo de Moeche e do mosteiro de Caaveiro.

A Asociación EuroEume ven implementando desde o ano 1998 un Plan de Desenvolvemento Turístico para o Eume e desde o 2006 un proxecto que consiste na interpretación dos principais elementos patrimoniais da comarca para configurar unha rede de xestión e información denominada “Espazo Temático Patrimonial Castelos e Mosteiros do Eume-Xuvia”.