galego*castellano*english*english
localización produto do eume Diputación Coruña Leader Plus Euroeume
novas
Xornada Desenvolvemento Turístico e Grupos de Desenvolvemento Rural
Xornada Desenvolvemento Turístico e Grupos de Desenvolvemento Rural
20/02/2008
Unhas 50 persoas asistiron á xornada, organizada, o pasado sábado 23 de febreiro, por Euroeume na Casa da Cultura da Capela. A xornada, presentada por Rubén Lois, Director Xeral de Turismo, Anxo López Sueiro, Alcalde da Capela, e Xosé Castro, Presidente de Euroeume, versou sobre o “Desenvolvemento Turístico e os Grupos de Desenvolvemento Rural”. Esta xornada foi a terceira dunha serie de seis, organizadas no marco dun proxecto de cooperación de seis Grupos de Desenvolvemento galegos para avaliar os traballos realizados durante o periodo 2000-2007.

Durante a primeira rolda de ponencias presentáronse algunhas experiencias impulsadas polos grupos, que foron considerados como “Boas Prácticas” pola empresa que realizou a avaliación. O grupo de Terra das Mariñas presentou un resumo dos traballos realizados polo grupo, entre o que destacou o “roteiro Mariñán”, unha rede de sendeiros homologados que discorren unindo os espazos naturais próximos á cidade da Coruña. Por parte da ADR Río Lor explicouse o proxecto do Museo Etnográfico, do Viño e o Aceite de Quiroga, un museo etnográfico no que as 560 pezas que forman a colección foron aportadas polos veciños da comarca. Finalmente Euroeume fixo un resumo dos traballos realizados para implementar o Plan de Desenvolvemento Turístico elaborado por esta entidade no ano 1998, que supuxeron un investimento superior aos sete millóns de euros repartidos entre mais de 100 proxectos relacionados coas estratexias que contempla este Plan.

No segundo bloque de ponencias Juan José Manrique, do GDR Guadix, explicou o proxecto realizado por dez grupos de desenvolvemento andaluces, en cooperación coa Junta de Andalucía, para implantar a Carta Europea de Turismo Sostible nos Parques Naturais de Andalucía. Oscar Alfeiján, do Centro Superior de Hostalería de Galicia, presentou as perspectivas de futuro para as “Cantinas do Eume”, e as actuacións previstas para consolidar o proxecto, así como da posible incorporación de novos establecementos a esta rede. Finalmente o Xerente do Consorcio “Turismo de Santiago”, relatou os traballos realizados polo Concello de Santiago para a creación do consorcio, e os problemas que tiveron que afrontar para poder crear unha “Central de Reservas” que comercializase os servizos turísticos dende o propio destino, tanto dende as propias oficinas de turismo de Compostela, como da súa páxina web.

Posteriormente celebrouse unha mesa redonda sobre as expectativas de futuro do destino Eumeturismo. Na mesa participaron Pablo Villamar, presidente da Deputación da Coruña, Rogelio Fernández, Subdirector Xeral de Conservación da Natureza, e Miguel Teixido, Xerente de Euroeume. Pablo Villamar, despois de destacar o traballo feito no sector turístico do Eume durante os últimos anos, resaltou a liña de traballo que está a seguir a Deputación con respecto á creación de destinos turísticos, e dos esforzos realizados por promocionar estes destinos na última edición de FITUR. O Subdirector Xeral de Conservación da Natureza explicou a política da Conxellería de Medio Ambiente con respecto aos Parques Naturais, da intención de aprovar durante este ano un Plans Rectores de Usos e Xestión que apostarán por un turismo sostible, e da posiblididade de promover as candidaturas dos mesmos para obter a Carta Europea de Turismo Sostible, un sistema de xestión que Euroeume viña propoñendo dende hai anos. Miguel Teixido pechou as ponencias comentando as expectativas de futuro para o sector turístico no territorio e as de Euroeume. Tamén falou do proxecto “Castelos Medievais do Eume-Xuvia”, a través do que se pretende musealizar os principais elementos patrimoniais da zona e unilos baixo unha xestión e imaxe común. Durante o debate posterior ás ponencias, Rogelio Fernández e Miguel Teixido coincidiron na necesidade de mellorar a relación do Parque Natural cos propietarios e os axentes do territorio, e comprometéronse a buscar a maneira de intensificar a cooperación do Parque Natural cos axentes da zona para conseguir que o Parque se involucre no desenvolvemento da comarca e que os axentes do territorio podan colaborar no desenvolvemento do uso público do Parque.

A xornada rematou coa presentación das conclusións por parte da empresa que realizou a avaliación dos traballos realizados polos grupos de desenvolvemento. O ponente destacou o traballo e a inversión destinada polos Grupos para impulsar e apoiar proxectos que dotasen os seus territorios dunha oferta turística coherente cos valores que representan, así como polos traballos realizados de cara a crear produtos diferenciados. Tamén destacou o importante traballo que queda por facer no referente á comercialización dos destinos turísticos, así como das posibilidades que ofrece a creación de novas iniciativas de cooperación entre territorios de cara ao intercambio de promoción e de actividades turísticas para aumentar o tempo de estancia dos turistas.


Arquivos relacionados: novasarq_25_1.JPG, novasarq_25_2.JPG