galego*castellano*english*english
localización produto do eume Diputación Coruña Leader Plus Euroeume
novas
San Sadurniño implantará os Orzamentos Participativos
San Sadurniño implantará os Orzamentos Participativos
10/09/2008
O Concello de San Sadurniño, en colaboración coa Asociación Euroeume, e como continuación aos traballos realizados no marco da Axenda 21, vai desenvolver e regulamentar de maneira pioneira os Orzamentos Participativos no contexto galego. Neste proceso a veciñanza decide como se empregará
unha parte do diñeiro público, neste caso para o ano 2009.

Nesta páxina podes descargar os documentos que explican as bases reguladoras do proceso e a ficha para presentar as túas propostas.

QUEN PODE PARTICIPAR?
No Orzamento Participativo poden participar todos os veciños e veciñas do Concello maiores de 16 anos, ou aquelas persoas que sen estar empadroadas garden unha relación directa de tipo social ou empresarial co noso Concello.

ONDE ME PODO INFORMAR?
O día 13 de setembro, ás 12 horas, na Casa da Cultura de San Sadurniño haberá un acto de presentación do Orzamento Participativo e explicarase como hai que facer para participar.
Se non podes asistir pódese ampliar a información en Internet /www.sansadurnino.es) ou na propia Casa do Concello.

TES ALGUNHA IDEA?
De seguro que en máis dunha ocasión tes pensado que mellorarías se puideses decidir sobre o diñeiro público. Agora tes a oportunidade para te expresares. Por iso, imaxina as cousas que che gustarían para ti, para a túa parroquia, para San Sadurniño. E se tes algunha idea que achegar, só tes que encher unha ficha de proposta de xeito claro e concreto, e facérnola chegar dalgunha das seguintes formas:
Entregándoa no Rexistro municipal
Enviando un fax ó Concello (n.º fax: 981 490 474)
Remitindo unha carta ó Concello (Enderezo: Avda. Marqués de Figueroa s/n, 15560, San Sadurniño)
Mandando un e-mail dirixido ó Concello (orzamentoparticipativo@sandadurnino.es)

Depositando o formulario nas caixas de suxestión situadas nos seguintes puntos:
Casa do Concello
Centro de Saúde
Locais das entidades veciñais
Outros lugares de encontro

Podes presentar tantas propostas como queiras, pero só unha por ficha!!! Todas as propostas recibidas serán presentadas publicamente en cada unha das parroquias nunha asemblea aberta na cal os veciños e veciñas seleccionarán as tres mellores propostas. As datas e lugares de celebración destas asembleas son as seguintes:
Bardaos: luns día 6 de outubro ás 20:00 horas no local social
Ferreira: martes 7 de outubro ás 20:00 horas no local social
Igrexafeita: mércores 8 de outubro ás 20:00 horas no local social
Lamas: xoves 9 de outubro ás 20:00 horas no local social
Naraío: venres 10 de outubro ás 20:00 horas no local social
Santa Mariña do Monte: luns 13 de outubro ás 20:00 horas no local social
San Sadurniño: martes 14 de outubro ás 20:00 horas na Casa da Cultura

REQUISITOS DAS PROPOSTAS
As propostas deberán cumprir os seguintes requisitos:
Referirse a un investimento novo, ou ben a obras de mantemento e reparación das actuais.
Ser de competencia municipal.
Ter carácter concreto (non referirse a algo xenérico) e ser avaliable economicamente (canto custa).
Ter definida a súa localización física e ámbito territorial de influencia.
Deberá executarse nun só exercicio orzamentario, é dicir, durante un só ano.
Os investimentos son “obras”, tanto novas como de mantemento, como por exemplo, a construción dunha praza ou a mellora das pistas. Ademais de obras, os investimentos tamén poden ser “adquisicións permanentes” do Concello, como por exemplo a compra dun tractor ou de contedores de lixo, a dotación de material informático para instalacións municipais, ou a traída de auga.
Os investimentos, polo tanto, non se refiren a actividades (obradoiros, festexos, programas...), nin a servizos (máis profesorado, máis médicos...) nin a subvencións.

E SE A TÚA IDEA NON CUMPRE OS REQUISITOS?
Aínda que a túa idea non cumpra os requisitos mándaa de todos modos. Se ben non pasará á seguinte fase, si se elaborará un informe con todas elas que será enviado á área do Concello correspondente para que o seu persoal valore. Quen sabe, pode que a teñan en conta nun futuro!!

E DESPOIS?
Despois de debater e votar nas Asembleas parroquiais cales son as propostas máis interesantes, durante os días 16 e 17 de Outubro ás 16 horas na Casa da Cultura terá lugar a Mesa de Orzamentos, na que estarán presentes os representantes parroquiais elixidos democraticamente nas Asembleas e o Comité técnico.
Desta Mesa sairán as propostas de todas as parroquias que finalmente serán incluídas nos Orzamentos Municipais do ano 2009.

QUERES QUE A TÚA PROPOSTA SEXA BEN VALORADA?
A selección final por parte do Comité técnico do proceso de participación valorará as propostas en función dos seguintes criterios:
Que abranga a maior porcentaxe de poboación beneficiada posible
Que sexa “transparroquial” (referida a
máis dunha parroquia)
Que prevexa o cofinanciamento da poboación
Que prevexa a participación activa da veciñanza na execución da proposta
Que contribúa a satisfacer necesidades básicas da poboación (auga, luz, residuos, educación, etc.).
Que favoreza directamente a colectivos vulnerables ou con necesidades especiais
Que favoreza o desenvolvemento sostible ou asegure o aforro económico.

NON DEIXES DE OPINAR...
A túa presenza nas Asembleas será imprescindible para defenderes as túas propostas e, por suposto, para mellorar o teu Concello.
O documento coas propostas aprobadas farase público o día 24 de outubro. E poderás consultalo na Casa do Concello ou na páxina web, abrindo un período de alegacións entre o 24 de outubro e o 5 de novembro.

CELEBRACIÓN VECIÑAL
Como colofón a todo o proceso, terá lugar un Acto Público de Presentación do Orzamento Participativo o venres 14 de Novembro ás 20;00 horas na Casa da Cultura, onde agardamos a túa participación.

Arquivos relacionados: novasarq_41_1.pdf, novasarq_41_2.pdf