galego*castellano*english*english
localización produto do eume Diputación Coruña Leader Plus Euroeume
novas
Euroeume convoca as Mesas Sectoriais de Turismo e Agro-Forestal
Euroeume convoca as Mesas Sectoriais de Turismo e Agro-Forestal
14/08/2008
A Asociación Euroeume, con motivo da elaboración da candidatura para o Programa Leader 2007-2013, ven de convocar as Mesas Sectorias do Turismo e dos sectores Agrogandeiro e Forestal. Nestas mesas de traballo sentaranse as bases do Plan Estratéxico da Asociación para os vindeiros anos, e as propostas indicadas por cada un dos sectores marcarán as liñas de traballo para Euroeume no próximo periodo Leader.

Mesa de Turismo

O día 19 de Agosto, ás 17.30 horas da tarde, celebrarase a Mesa Sectorial do Turismo na Casa da Cultura da Capela. A esta reunión foron convocadas as Asociacións de Empresarios de Turismo e de Artesáns, así como todos os axentes implicados neste sector dentro do territorio: Cantinas do Eume, aloxamentos de turismo rural, empresas de actividades relacionadas co turismo, etcétera.

Neste novo periodo a Consellería de Medio Rural non permitirá auxiliar mais proxectos destinados á creación de novas prazas de aloxamento turístico, collendo maior protagonismo aquelas iniciativas que teñan por obxectivo complementar a oferta turística, como poden ser actividades, creación de rotas, etc, e aquelas que teñan como fin mellorar a calidade dos servizos prestados.

Mesas Forestal e Agrogandeira

Nesta nova convocatoria do Programa Leader as principais novidades son as referidas ás posibilidades que se abren con respecto ao sector primario, que no periódo anterior non eran subvencionables. O sector forestal, que anteriormente non se contemplaba no Plan de Desenvolvemento Rural de Galiza, toma moita forza, especialmente aqueles proxectos que impliquen a posta en valor dos montes veciñais, ou de asociacións de propietarios de montes, sobre todo nos casos referidos á transformación e comercialización dos produtos forestais. No sector agrogandeiro tamén se abren novas opcións, fundamentalmente para proxectos que pretendan mellorar o rendemento global das explotacións e para aqueles centrados na transformación e comercialización dos produtos agrogandeiros do territorio.

O día 18 de Agosto, ás 10.30 horas da mañá, nas oficinas de Euroeume nas Pontes, será o turno da Mesa Sectorial do sector Forestal. A esta reunión foron convocadas as Asociacións de propietarios de montes, as asociacións de empresas do sector madereiro, así como todos restantes axentes implicados neste sector dentro do territorio.

O mesmo día 18 de Agosto, ás 20.00 horas, as oficinas de Euroeume acollerán á Mesa Sectorial Agrogandeira. Nesta ocasión os convocados son todas as entidades e persoas relacionadas coa produción no agro: asociacións de produtores agrarios, SAT´s e Cooperativas.

Estas reunións estarán abertas a todas as entidades e persoas interesadas no desenvolvemento destes sectores nos nove concellos que compoñen o territorio que abrangue a asociación. Todas aquelas persoas que queran recibir información ao respecto poden poñerse en contacto coa Asociación Euroeume a través do teléfono 981 440668, ou ben a través do correo electrónico info@euroeume.org.