galego*castellano*english*english
localización produto do eume Diputación Coruña Leader Plus Euroeume
novas
XORNADA RESIDUOS E SUSTENTABILIDADE EN SAN SADURNIÑO
XORNADA RESIDUOS E SUSTENTABILIDADE EN SAN SADURNIÑO
30/01/2009
O Concello de San Sadurniño desenvolveu durante 2008 o proxecto Residuos e sustentabilidade en San Sadurniño. O seu obxectivo principal era a realización de actividades de educación para a sustentabilidade de cara á concienciación do conxunto da poboación do Concello sobre a importancia da minimización da produción de residuos e da súa correcta xestión. Polo tanto ía dirixido ó conxunto da poboación municipal, cun claro carácter interxeracional.

As actuacións realizadas foron en primeiro lugar o deseño e redacción dunha serie de folletos informativos relacionados coa xestión do lixo. Posteriormente estes folletos foron entregados, en man, no conxunto dos domicilios do Concello, casa por casa. Asemade, coa visita aproveitouse para realizar unha enquisa que contiña preguntas sobre os problemas ambientais e o estado do contorno natural, así como outras relacionadas coas novas tecnoloxías.

Agora, o Concello de San Sadurniño convida ós veciños e veciñas e outras persoas interesadas á Xornada que organiza para presentar as conclusións desta campaña e da enquisa efectuada, e compartir co conxunto da cidadanía esta interesante experiencia.

Entón, o obxectivo da xornada é o de afondar na concienciación sobre a correcta xestión do lixo nos concellos, e os beneficios que isto producirá tanto na administración local como na calidade de vida do conxunto da cidadanía.

Datos da xornada:

Día: venres, 6 de febreiro de 2009

Hora: 18:00 h

Lugar de celebración: Casa da Cultura

Organiza: Concello de San Sadurniño

Programa:

·18:00 h: visualización da película “Unha verdade incómoda”, producida polo exvicepresidente dos EE.UU, Al Gore.

·19:30 h: mesa redonda, na que intervirán:

o Secundino García Casal, Alcalde, quen presentará o acto

o Fernando Márquez, Concelleiro de Medio Ambiente, quen se centrará na experiencia da campaña, e na explicación dos mecanismos da xestión dos distintos tipos de lixo do Concello

o Desiree González Cardoso, de Adega, que exporá as conclusións da experiencia piloto da compostaxe caseira, e pautas para poder desenvolver a compostaxe individualmente

o Carlos Abella, da empresa Proxectos, que se centrará na presentación das conclusións da enquisa efectuada.

·20:30 h: debate aberto á participación do público


Durante a Xornada repartirase entre as persoas asistentes material divulgativo cedido por SOGAMA, así como un resume dos resultados da enquisa.