Despoís de moito traballo por fin abrimos a nosa nova tenda on-line. Unha ferramenta que agardamos sexa máis accesible aos usuarios e desde a que realizaremos envíos a toda a península.

Agroalimentaria Do Eume  é unha asociación sen ánimo de lucro que integra a produtores do sector agroalimentario das comarcas de Eume, Ferrolterra, Betanzos e Ortegal, que pretende dar un impulso ao sector primario deste territorio. Unha das principais vías para apoiar aos produtores do noso entorno céntrase na comercialización directa dos produtos dos nosos asociados, sen intermediarios, mediante a nosa tenda, localizada na Estrada de Castela, 830, en Xuvia (Narón), coa nosa presenza en diversos mercados e feiras que se celebran na comarca e nas proximidades, coa venda a diversos establecementos de restauración, e agora tamén a través da rede, coa tenda on-line www.doeume.com.

 

Tenda on-line da Agroalimentaria do Eume.

Tenda on-line da Agroalimentaria do Eume.

O transporte das mercancías realizarase a través de transporte urxente. A páxina calcula o prezo do envío según dúas modalidades, a primeira sería de transporte urxente, que se utilizará para os produtos que non requiren refrixeración, como as conservas, repostería, viños e licores, e unha segunda de transporte refrixerado para os produtos perecedeiros frescos como a carne, os lácteos e os produtos hortícolas.

Nesta tenda poderás atopar unha selección dos mellores produtos da comarca do Eume, así como produtos de Comercio Xusto:

As carnes das terneiras criadas no Monte Forgoselo, que se poderán adquirir tanto en lotes de 5 ou 10 kg, como escollendo as pezas que máis che apetezan: solombo, chuletas, agulla, croca, xarretes,…

Os diferentes meles da Casa do Mel de Goente, tanto os multiflorais como os monoflorais de breixo, silveira, castiñeiro e eucalipto, produto do traballo das abellas das colmeas dos socios da delegación eumesa da Asociación Galega de Apicultura.

Os queixos e requeixos da Cooperativa Campo Capela, elaborados artesanalmente co leite cru que se recolle diariamente nas explotacións dos socios da cooperativa

A ampla gama de licores de “Meigas Fora”, elaborados no concello de Cabanas cos mellores ingredientes, seguindo as receitas tradicionais e coas novidades que introducen na súa carta de produtos con novas elaboracións que sorprenderán a todo o mundo

As marmeladas e licores artesanais de “Arela”, elaborados cos pequenos froitos que cultivan na súa finca situada na entrada do Parque Naturas das Fragas do Eume

A repostería artesanal pontesa de “Viuda de Domingo López”, os deliciosos manteigados e polvoróns artesanais elaborados en forno de pedra seguindo receitas centenarias.

Proximamente a oferta da nosa tenda ampliarase con produtos de horta ecolóxica de tempada, cultivados por labregos do noso entorno, así como os viños da IXP “Terra de Betanzos”, entre os que cabe destacar os elaborados coa variedade Blanco Lexítimo.

Todas aquelas persoas que realicen pedidos superiores a 90 € recibirán como regalo o libro  “Pegadas do Eume”, do fotógrafo Vari Caramés, que recolle unha maravillosa ollada aos valores mais destacables da nosa comarca. Unha edición mellorada en canto á calidade de impresión, con tapa dura e un cuaderno sobre os valores turísticos do territorio, que constitúe unha invitación a perderse polo entorno das Fragas do Eume, do LIC Xuvia Castro, disfrutando do patrimonio natural e cultural do entorno.

Permanecede atentos, porque para celebrar esta reapertura da nosa tenda estamos a preparar algunhas promocións que agardamos sexan interesantes para os vosos paladares e tamén para os vosos petos.