Publicado por Colineta


Sobre o requeixo levo moito escrito e falado, pero queda moito por dicir ata conseguir que un produto tradicionalmente galego sexa aceptado por dereito propio no mundo da alta gastronomía e dos produtos de gran calidade que producimos no país. Vai sendo hora de que a consellería de Medio Rural se quite as orelleiras que ata o de agora non lle deixaban ver máis queixos galegos que os catro que teñen denominación de orixe, porque o certo é que hai máis, pero ningún tan galego e de calidade coma o requeixo, sexa o da Capela ou o das Neves, o de Arquega, o de Lorán ou calquera outro que se produza no país.

Tradicionalmente o requeixo consómese en Galicia como sobremesa, sen máis engadido que un pouco de azucre ou, se cadra, mel. Pero hai moitas outras fórmulas para este especial queixo fresco, tanto doces como salgadas. A última vez que me emocionou probar unha nova foi no taller impartido por Pedro Roca no programa Santiago Repetirás. As súas canas recheas de requeixo fixeron as delicias de tódolos participantes.

Pois algunhas desas fórmulas estupendas para consumir o requeixo doutra maneira están agora reunidas no libro “Receitas con Requeixo”, editado pola Cooperativa Campo Capela e presentado onte na sede da propia Cooperativa.

O libro reúne un total de 30 receitas de cociñeiros ben coñecidos coma o citado Pedro Roca ou Beatriz Sotelo (a Madrid Fusión levou o salmón mariñado con requeixo da Capela e encurtidos cuxa receita está no libro). Hai tamén receitas dos cociñeiros de tódolos restaurantes e casas de turismo rural existentes no concello da Capela, así como da panadería do mesmo e outros restaurantes clientes da cooperativa. E finalmente unha ducia de receitas de afeccionados participantes no concurso de receitas de sobremesas que cada ano organiza o Concello. Unha boa maneira de achegarse a este produto descoñecido para moitos.

Publicado por Miguel Vila Pernas en Colineta. No seu blog tamén publicou este estupendo artigo sobre o modo de elaboración do requeixo.